A columna de auga

Un azul sen fin

A pesar de ocupar a maior parte do espazo somerxido que visitamos nos mergullos, poucas veces reparamos en todo o que nos pode ofrecer a columna de auga. Coreografías de grandes bancos de peixes, augamares, luras ou caranguexos nadadores son só algunhas das sorpresas que podemos atopar sobre nós se levantamos a cabeza para mirar ao azul.

Un lugar repleto de vida que chama a atención pero que tamén alberga un mundo invisible aos nosos ollos, o plancto. Cada pinga da auga que nos rodea cando nos somerxemos agocha moreas de especies, a maioría só visibles ao microscopio, que forman parte da dieta de animais tan dispares como as baleas, as esponxas ou as gorgonias. Benvidas á columna de auga.

O gran azul é un lugar de paso de multitude de migracións e unha zona de alimentación á que acoden con frecuencia bancos de diferentes especies de peixes como as bogas (Boops boops) da foto, xureis, xardas, sardiñas...

patexo (Polybius henslowi), un pequeno caranguexo nadador, atopa na columna de auga unha vía de transporte para as súas viaxes, pero debe andar con coidado, xa que é un dos pratos favoritos das gaivotas, que non dubidarán en somerxerse na auga para capturalo. 

Tamén é zona de paso para mergulladoras, un lugar de transito que atravesamos para chegar ao fondo mariño ao que non adoitamos prestar a atención que merece. Se mergullas non esquezas  mirar de cando en vez cara o azul que hai sobre ti, poden aparecer cousas sorprendentes.

Un dos animais máis especiais que emprega o azul como autoestrada para os seus grandes desprazamentos é a augamar. Parece que, agás en chegadas puntuais á costa galega, cada vez é máis difícil poder desfrutar deste animal. Durante o verán, especialmente na costa norte, poderemos atopar algunha medusa noctiluca (Pelagia noctiluca).

Os cetáceos percorren a columna de auga con axilidade, é o lugar no que se alimentan, se reproducen, xogan... a súa casa. Aínda que é moi inusual coincidir con eles mergullando, non é estraño poder avistar arroaces ou golfiños dende o barco.

Outra medusa que pode aparecer nestas costas é a medusa compás (Chrysaora hysoscella). Hai unhas décadas chegaba en grandes cantidades ás Rías Baixas durante o verán, pero actualmente é toda unha rareza vela baixo o mar. A miúdo, pequenos peixes (como os xureliños da foto) buscan refuxio entre os seus tentáculos velenosos.

Quitando algúns peixes, son poucos os animais que viven na columna de auga. Ademais das medusas ou os cetáceos, outra especie que podemos observar no azul é a lura (Loligo vulgaris), especialmente pola noite, cando se achegan ás augas pouco profundas a alimentarse.

Entre os bancos de peixes que sucan as augas galegas, cabe destacar ás rinchas ou xardas (Scomber scombrus), xa que son moi voraces e probablemente cando as vexamos estarán a capturar pequenas presas facendo uso da súa velocidade.

O azul tamén nos deixa algunhas probas dos efectos do cambio climático, xa que é o lugar onde poder observar peixes que están a chegar a estas costas debido á suba das temperaturas que provoca. Un exemplo é o peixe limón (Seriola dumerili), na foto.