A zona entre mareas

Unha vida agardando

A zona costeira que se inunda coa suba da marea e queda exposta coa baixamar é o que se coñece como intermareal. Un lugar onde a vida é dura, xa que está sometida a cambios drásticos na hidratación, temperatura ou na dispoñibilidades de alimento durante 4 veces ao día, todos os días do ano. A pesar disto, son moitas máis das que pensamos as formas de vida que habitan estas paisaxes e os seus mecanismos de adaptación ás condicións intermareais son sorprendentes. 

Un paseo polas fochancas que se forman entre as rochas da praia ao baixar a marea é o lugar ideal para observar a riqueza destes ecosistemas en miniatura.

As fochancas de marea agochan todo un mundo de vida ao outro lado da superficie. Por iso é fundamental visitalas dende o respecto cando nos achegamos a elas. Observar é suficiente para desfrutar estes pequenos ecosistemas, non debemos tocar, molestar ou manipular a vida que alí habita.

As rochas acollen gran cantidade de vida e é moi frecuente que sobre elas se establezan multitude de animais: caramuxos, mexillóns, arneiróns, lapas, ourizos, anemones... cada quen atopa o seu sitio e fai fronte con diferentes estatexias aos periodos de baixamar.

Pero unha das cousas que máis chama a atención da vida entre mareas é o seu colorido. Que a vida sexa dura nestas zonas non quere dicir que non poida lucir formas e cores moi chamativos, e un claro exemplo son os tomates de mar (Actinia equina).

Un dos habitantes máis emblemáticos destas pozas son os lorchos, pequenos peixes que viven pousados nos fondos e que contan cunha boa memoria espacial para saber orientarse entre as charcas e, se é preciso, poder saltar de charca en charca para volver ao mar.

Por suposto, as algas non faltan nestas paisaxes e, entre todos os tipos que podemos atopar, destacan as algas vermellas coralináceas, aquelas con estruturas duras e pequeno tamaño como as da foto.

Os caranguexos tamén son habituais nestas zonas, especialmente o queimacasas (Pachygrapsus marmoratus), e poderemos atopalos tanto fóra como dentro da auga, xa que dispoñen de diferentes estratexias para manter o seu corpo húmido e respirar no exterior.

Os tomates de mar (Actinia equina) son un dos habitantes máis emblematicos do intermareal. Aínda que adoitan ser vermellos -na foto-, podemos atopalos verdes, laranxas ou marróns. Cando a marea está alta, expanden os seus tentáculos, pero ao baixar as augas e quedar ao descuberto repréganse para facerse unha bola e reter a humidade no seu interior.

Os camaróns (Palaemon serratus) tampouco adoitan faltar na zona intermareal. Poden atoparse formando pequenos grupos e son moi activos.

Outro aspecto interesante nestes lugares cando baixa a marea é observar as arribazóns que arrastrou o mar ata a orela, restos que nos contan moitas cousas sobre a vida nos fondos próximos á costa, como a carcasa dun ovo de raia que vemos na foto.