ALGAS AZUIS

A pesar do seu nome, nin son azuis, xa que adoitan amosar cores verdes máis ou menos escuros, nin son verdadeiras algas, senón cianobacterias. A diferenza das algas que son eucariotas con núcleo, as cianobacterias son organismos fotosintéticos procariotas (sen núcleo). As temos visto moitas veces nas praias que visitamos durante o verán, pero seguen a ser moi descoñecidas. 

​A especie que veremos con máis frecuencia é a alga burbulla - Rivularia bullata : pequenos globos xelatinosos que miden en torno a 1 cm, aínda que poden acadar os 5-7 cm, de cor verde intensa e ocas. Estas formas esféricas van adquirindo un aspecto engurrado a medida que crecen.

É unha especie estacional, que xorde a finais da primavera e podemos vela nas rochas do intermareal (a miúdo medran xunto aos arneiróns) durante o verán, ás veces ocupando grandes extensións (foto 3). A súa abundancia varía según o ano e reprodúcense por fragmentación.