MAERL (Phymatolithon calcareum / Lithothamnion corallioides)

É unha das algas vermellas máis peculiares e aquí, na ría, a diferenza do que sucede noutros lugares, podemos atopala a pouca profundidade. Mentres que no Mediterráneo haberá que baixar entre 30 e 60 metros, en moitas zonas atlánticas podemos atopalo a partir dos 10 ou menos.

Aparecerá tanto espallada como formando grosas alfombras que cobren o fondo de area. O maerl pode estar formado por diferentes tipos de algas calcarias, aquí está formada por dúas algas case idénticas (só distinguibles baixo un microscopio), que viven misturadas.

O resultado é unha pequena alga calcificada de cor rosada que semella un coral en miniatura e presenta antolladizas formas de ramificación.

Apenas supera un centímetro de longo e medra moi lentamente (1 mm ao ano), pero pode chegar a ser moi lonxevo. Cando se lle fai unha sección transversal, pódese apreciar a súa idade, dado que cada ano xera unha nova capa de tecido.

A característica máis rechamante desta alga é que vive sen amarrarse a ningún substrato, libre nos fondos de area e lama, o que, xunto coa súa capacidade de vivir a grandes profundidades, evítalle ter competir con outras algas que teñen un crecemento máis rápido.

Aparece en puntos próximos ao illote de Viños nas Illas Cíes, formando grandes extensións, pero pódese atopar espallado nos fondos doutros moitos puntos, tanto na costa norte (Punta das ratas e Punta fanequeira) como na costa sur (Cabo de Mar).

O maerl morto perde a súa cor
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar