ALGAS VERDES 

Presentan unha cor averdada grazas á gran cantidade de clorofila b que conteñen (de aí que tamén se coñezan como CLORÓFITAS) e tenden a desenvolverse en augas pouco profundas. En xeral, son de menor tamaño que outros grupos de algas, como as pardas, e poden ter moitas formas: en filamentos, bulbosas, como finas láminas case transparentes ou con aspecto peludo.

Aínda que son as que máis veces asociamos co mar cando escoitamos a palabra algas (probablemente porque son máis visibles e tenden a chegar á praia en abundancia) o 90% delas viven asociadas a augas doces, colonizando unha ampla variedade de hábitats como rochas húmidas, regatos e pozas. No mar son máis diversas en augas cálidas e temperadas e a súa diversidade diminúe a medida que as augas se arrefrían. 

Normalmente reprodúcense sexualmente por gametos e de forma asexual por esporas e é común que a mesma especie alterne ambos métodos entre xeracións. Ademais, aínda que as algas a miúdo requiren dun substrato para vivir ancoradas, poden vivir moito tempo sen este apoio, vagando á deriva se as condicións son óptimas. Cando isto sucede, tamén son capaces de reproducirse de forma vexetativa, é dicir, fragméntanse e xorde un novo individuo de cada anaco de alga.