As algas vermellas son o grupo máis antigo (hai rexistros fósiles de hai máis de mil millóns de anos) e diverso entre as algas (inclúen máis de 7.000 especies diferentes), podendo presentar múltiples formas e cores, xeralmente asociadas aos variados hábitats nos que poden vivir.
Ademais da clorofila, teñen outros pigmentos azuis, amarelos e vermellos, pero son estes últimos os que lles aportan a súa cor característica. Os pigmentos vermellos e azuis son capaces de absorber radiacións de luz moi amplas, o que permite que estas algas tamén poidan vivir a profundidades notables, mais a pesar de ser algas capaces de habitar a maior profundidade, podemos atopar moitas xa na zona intermareal, quedando ao descuberto cando baixa a marea.
Poden ter formas brandas e esponxosas ou laminadas, como as algas verdes e pardas, pero unha gran cantidade de algas vermellas pertencen ao peculiar grupo das coralináceas, que son capaces de producir carbonato cálcico, adquirindo así unha consistencia dura con aparencia de pedras ou corais.
En xeral son de pequeño tamaño, o que lles permite vivir adheridas a multitude de soportes. Hainas que se aferran ás rochas, mais tamén poden engancharse a cunchas, pedras e outras algas (a miúdo grandes laminarias), algunhas aséntanse en diferentes animais, como centolas ou espirógrafos e hainas tamén que viven libremente no fondo, sen necesidade agarrarse, como o maerl.
Son algas moi plásticas, onde unha mesma especie pode variar moito a súa forma dependendo do hábitat no que se atope, o que fai que ás veces resulte moi difícil identificalas. Hai algas vermellas que seguen ciclos anuais e outras son perennes, chegando a ser moi lonxevas, especialmente as coralináceas.