Bateas

As catedrais das rías

Son un clásico da costa galega. As bateas de cultivo de mexillón salpican as Rías Baixas transformando a súa paisaxe tanto fóra como dentro da auga. Mergullar entre estas columnas de mexillóns vendo como fíltranse os raios de luz dende a superficie fainos sentir como se paseásemos nunha impoñente catedral submarina.

Os mexillóns son moluscos bivalvos superfiltradores e obteñen o seu alimento facendo pasar polo seu corpo ata 7 litros de auga nunha hora. Pero tamén teñen os seus depredadores: gaivotas, sargos ou peixes porco son quen de romper as súas cunchas negras para consumilos.

Estas plataformas flotantes de madeira con forma de grella están ancoradas ao fondo por grandes cadeas e mortos. Nelas suxéitanse centos de cordas paralelas con sementes de mexillón para que este engorde e poder recollelo despois.

En canto nos asomamos ao outro lado da superficie, o panorama muda por completo. As cordas énchense de vida mariña e crean un labirinto de mexillóns onde non faltan grandes algas e bancos de peixes.

Cando percorremos estas paisaxes paga a pena xirarse e mirar cara arriba para observar como se estende a contraluz a silueta da batea e admirar as enormes dimensións que acada baixo o mar.

Estas ristras de mexillóns convírtense arrecifes temporais, onde multitude de formas de vida adhírense sobre as cunchas e crean unha colorida capa superficial. Esponxas, algas, anemones, diminutos caranguexos e gambas ou hidrozoos acóplanse para crear ecosistemas en miniatura suspendidos na columna de auga.

Mergullar baixo estas estruturas supón unha das inmersións máis interesantes e espectaculares. Se a visibilidade acompaña, pódese apreciar como os raios do sol atravesan as columnas de mexillóns e os bancos de peixes nadan ao seu redor.

Baixo as bateas, esténdese unha alfombra de cascallo formada por mexillóns que se desprenden e os restos das súas cunchas que se acumulan e serven de alimento e acubillo a animais, como estrelas de mar, ofiuras, ourizoscrinoideos ou pepinos. Tamén abundan depredadores que patrullan estas zonas na procura dun bo bocado, como os melgachos, raias riscadas, chocos e polbos, como o que podemos apreciar camuflado entre o cascallo.

Son moitos os peixes que acoden a estes lugares na procura de comida, algúns porque son quen de escachar as cunchas de mexillóns para comelos, como os sargos, douradas ou o peixe porco (Balistes capriscus), do que podemos ver varios exemplares na foto. 

A outra cara da moeda é que tamén despréndense  cordas e tarugos, que acaban no fondo acumulándose como lixo. Estes últimos chegan por centos ás nosas praias, provocando un importante problema de contaminación por plástico. Igualmente, é habitual atopar gran cantidade de sedimentos finos, que se depositan formando unha capa limosa e incrementando as partículas en suspensión nestas zonas.

As columnas colgantes de mexillóns (Mytilus galloprovincialis), perfectamente alineadas, dan lugar a unha paisaxe única baixo o mar. Son coma xigantes que se descolgan uns 12 metros de lonxitude, o xusto para non tocar o fondo, xa que alí congréganse grandes cantidades de estrelas de mar desexosas de comerse a estes bivalvos. Os días de mar de fondo estas columnas abanean aos lados creando un efecto hipnótico.