Distínguense dos outros grupos por vivir entre dúas valvas articuladas e independentes que se xuntan na parte máis estreita grazas a unha bisagra dura con dentes (charnela) e un ligamento flexible. Desde dentro, o molusco aférrase a elas, pechándoas hermeticamente cos seus poderosos músculos adutores. Non teñen cabeza nin rádula, pero algúns teñen varios ollos ao longo do manto (como a vieira) que aparecen ao abrir as valvas. O seu pé músculo e potente permítelles tamén cavar ou ancorarse.
Aliméntanse filtrando partículas en suspensión, de xeito que levan vidas sedentarias e poden vivir escavando nos fondos (croques, ameixas ou navallas), agarrándose a superficies duras (mexillóns) ou máis libremente no fondo (vieiras e zamburiñas). Para filtrar os alimentos e respirar, teñen aberturas, unha inhalante e outra exhalante, ás veces en forma de sifóns (dependendo da lonxitude destes sifóns, poden enterrarse a maior ou menor profundidade).