O demo é un dos peixes de fondo máis interesantes para ver e fotografar. A miúdo obsérvase en calquera mergullo e son moi curiosos, achegaranse a nós sen reparos, mesmo dando algunha dentada inofensiva.
Ten un debuxo de manchas verticais marrón escuro ou granate que alternan con outras máis claras. Estas manchas parten da aleta dorsal e espállanse cara á aleta ventral, esvaecéndose.
Aínda que pode alcanzar os 30 cm., normalmente atópanse exemplares entre 15 e 20 cm. O máis característico son os grandes tentáculos supraorbitais (máis grandes nos machos), claramente visibles e de cor avermellada ou amarelenta, a miúdo coa punta dos extremos brancas.
Ten outro par de tentáculos, moito máis pequeno e máis difícil de observar xunto aos orificios nasais. Tamén é común que teña debuxos reticulados nas meixelas, arredor da súa boca grande e marcada.
Poden ter pintas brancas a xeito de reberetes nas aletas, e algúns xuvenís tamén teñen unha mancha de azul intenso ao comezo da aleta dorsal.
É un peixe solitario, aínda que na época de reprodución (primavera) é posible atopar xuntos varios exemplares metidos nas fendas das rochas, dado que os machos se apoderan dos recunchos onde as femias depositarán os seus ovos.
Pódense atopar en calquera punto de mergullo da ría, sendo especialmente abundante en A Furna, Cala do rei ou Cabo de Mar.