LORCHO CORNUDO (Parablennius pilicornis)

FEMIA - MACHO NON REPRODUTOR

Non é estraño que os peixes varíen as súas cores ou debuxos. No caso deste lorcho, case parecen especies diferentes, xa que este peixe muda notablemente o súa librea (debuxo) segundo a idade, o estado de ánimo ou a época do ano.

A librea típica, común en machos e machos non reprodutores, alterna as manchas de mármore, marrón escuro e ocre e presenta un ton sensiblemente máis claro na zona ventral.

A disposición das manchas en todo o corpo, ás veces creando formas similares a un H branco.

​O trazo común que a distingue é un debuxo a xeito de retícula ou panal nas meixelas que pode ser máis ou menos visible, pero está sempre presente, independentemente da coloración.

Tamén son típicos os pequenos tentáculos sobre os ollos, aínda que moito máis finos e moitas veces de tamaño máis pequeno que os do demo (a característica que máis nos axudará a diferencialos).
As lorchas atópanse normalmente en fendas entre rochas, son esquivas e solitarias e de pequeno tamaño, de entre 10 e 15 cm.

Os exemplares adultos poden ter unha librea completamente amarela. Parece ser pouco frecuente e aínda non nola temos atopado. Os lorchos cornudos están presentes en todos os puntos, especialmente a pouca profundidade. Destacamos as Illas Cíes ou Tofiño pola súa alta concentración nestas zonas.

MACHO REPRODUTOR

Na época de reprodución (primavera - verán) os machos adoptan unha librea escura, ás veces case completamente negra, tanto que é difícil distinguir as manchas reticuladas nas meixelas.

Outro cambio visto nestes machos é que a primeira rama dos tentáculos oculares faise máis longa.

A aleta dorsal mostra unha mancha redonda na parte dianteira, e ás veces un perfil azul intenso. Este recorte azul ou branco é frecuente tamén na aleta anal.

Ás veces o corpo non se fai tan escuro, pódense ver manchas negras no corpo gris-azulado e a aleta dorsal adquire tons máis amarelentos.

Neste momento, o macho elixe coidadosamente un lugar en fendas ou cavidades rochosas, cómodo mais protexido de ameazas e agarda que as femias vaian depositar os ovos. Unha vez feitas as postas, permanecerá alí para gardar e coidar os ovos.

Durante eses meses, se observamos un lorcho macho que se agocha, probablemente ao enfocar coa lanterna dentro da fenda atoparemos unha gran posta de ovos violáceos ou marróns. Cando queda pouco para a eclosión, pódense ver incluso os ollos dos futuros lorchos.

EXEMPLAR XUVENIL

En moitos exemplares novos, e tamén nalgúns adultos, aparece unha librea diferente, a de banda escura.

A retícula das meixelas e a tonalidade do corpo fanse máis claras e aparece unha franxa escura lonxitudinal que nace nos ollos a xeito de anteface e chega á ata a cola. Outra banda escura percorre a base da aleta dorsal.

Atoparémolos, especialmente cara a finais do verán. Son moito máis desconfiados que os adultos, polo que non é fácil achegarse a eles.

​Esta librea dos exemplares xuvenís pode mudar rapidamente, e converterse na librea típica non reprodutora. Ás veces, podemos atopar exemplares con debuxos "a medio camiño" entre uns e outros.

Aínda que poida parecer unha librea moi diferente á dos adultos, a retícula da cabeza xa está presente, do mesmo xeito que os debuxos laterais brancos en forma de H, que xa se poden intuír, ou as manchas brillantes e claras que adornan os raios da aleta dorsal.

Do mesmo xeito que os xuvenís doutros blénidos (e como ocorre con moitos outros peixes) adoitan preferir augas pouco profundas nas zonas rochosas tranquilas e protexidas das correntes. Alí móvense rapidamente, investigando a zona e comendo, para refuxiarse nas fendas de novo cando se senten ameazados.

Exemplar xuvenil
Librea habitual de femias e machos
Librea de macho reprodutor
Nunha carcasa de ourizo
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar