Campos de anemones

Coa melena ao vento 

Estes fermosos lugares, onde as grandes anemones dominan o fondo, son cada vez menos habituais. A extracción mal regulada destes animais e o furtivismo fixeron que estas paisaxes practicamente desapareceran. Un dano irreparable se temos en conta que cando perdemos unha paisaxe submarina tamén estamos a perder toda a biodiversidade que vive nela. Os campos de anemones albergan unha enorme variedade de vida asociada e resulta hipnótico observar o balanceo dos tentáculos axitados pola corrente.

É importante lembrar que non debemos tocar as anemones -ao igual que a calquera outro animal- para non molestalas ou danalas, pero tamén porque teñen propiedades urticantes que fan que as súas picadas sexan dolorosas.

 

Entre os animais que con máis frecuencia atoparemos asociados a estas anemones están os caranguexos araña (Inachus sp.). En ocasións, se a anemone é grande, podemos chegar a encontrar ata catro caranguexos baixo o acubillo dos tentáculos velenosos.

Tamén os plumeiros de mar (Sabella spallanzaniison habituais nestas extensións de anemones, sendo unha das paisaxes nas que temos máis probabilidades de velos medrar a pares ou de tres en tres.

 

Unha das curiosidades desta especie de anemone (Anemonia viridis) é que, en función da profundidade e das diferentes relacións con algas simbióticas (algas microscópicas que viven no seu interior) poden amosar distintas coloracións, que van dende tons agrisados ou pardos a verdes intensos con zonas dun rosa case fosforescente.

Sen dúbida, o animal máis buscado nestas paisaxes e dos máis difíciles de atopar, polo seu pequeno tamaño e corpo transparente, é a gamba das anemones (Periclimenes sagittifer). Un fermoso crustáceo de aspecto tropical que vive protexido entre os tentáculos da anemone, á que lle devolve o favor alimentándose de diferentes sedimentos que quedan sobre ela e manténdoa limpa.

Cada vez é máis difícil atopar lugares como este onde as anemones cobren amplas zonas de rocha que quedan totalmente tapizadas polas súas melenas.

As nécoras son tamén habituais nestes lugares. Buscan acocho baixo as anemones ao tempo que poden atopar alimento nas gambas e pequenos peixes que frecuentan estas paisaxes.

A pesar de súa natureza urticante, as anemones tamén teñen depredadores. Na foto podemos ver a lesma de mar filomena (Aeolidia filomenae), un curioso nome que rinde homenaxe á ávoa dunha das autoras galegas que describiron esta especie. Esta lesma aliméntase especificamente de esta especie de anemone.

Rara vez podemos ver o tronco desta anemone, xa que adoitan telo repregado para estender amplamente os tentáculos e estos, moi longos, ocultan a base. Pero os troncos tamén poden amosar diferentes cores que van dende marróns pálidos a rosas intensos.