Campos de cenoiros

Fondos con moita pluma

Son un dos fondos máis abondosos e descoñecidos da costa galega, unha comunidade de plumas de mar alaranxadas que medran na area e cuxas agrupacións poden chegar a contarse por miles. Sen dúbida, estes lugares non deixan indiferente a quen os visita, tanto pola peculiar aparencia das plumas como pola gran cantidade de vida que se achega ao seu carón.

A forma alongada e laranxa valeulle o nome de cenoiros, polo seu parecido coas cenorias, pero estes chamativos animais coloniais están cheos de curiosidades que por si soas son motivo suficiente para admiralos: son quen de reducir o seu tamaño drasticamente para enterrarse na area, poden desprenderse do fondo para deixarse levar pola corrente e ancorarse noutra ubicación, o seu principal depredador é unha lesma de mar que vive oculta na area e son bioluminiscentes.

Os cenoiros (Veretillum cynomorium) emerxen por centos da area creando unhas paisaxes moito máis abondosas do que pensamos nas chairas a máis de 12 metros de profundidade.

Vistos de preto resultan moi espectaculares. Son animais coloniais, formados por pólipos. Do pólipo primario que actúa como eixe groso e alaranxado xorden os pólipos secundarios, que espállanse por toda a superficie ao descuberto do animal e que poden estar completamente extendidos como na foto, ou repregarse cara ao interior cando se sinten ameazados.

Os cenoiros contan cos pólipos máis grandes dos cnidarios galegos (poden chegar a medir 4 cm), estes son transparentes e rematan en 8 tentáculos pinnados (de aí que pertenzan aos octocorais). A súa función principal é a alimentación.

Ante o estrés ou as ameazas, estas plumas de mar son quen de botar fóra do seu corpo unha gran cantidade de auga e reducir drásticamente o seu tamaño para enterrarse na area.

Nesta foto podemos observar como se retraen os grandes pólipos e tamén como no tronco principal alaranxado atopamos pequenos granulos, son os sifonozooides, pequenos funís encargados de botar a auga cara o exterior cando os cenoiros reducen o seu tamaño.

Ás veces atopamos exemplares desenterrados e podemos apreciar a parte bulbosa coa que adoitan estar suxeitos na area. Non sabemos que lle pasou ao cenoiro da foto, pero si que poden desenterrarse voluntariamente do fondo para deixarse levar pola corrente e asentarse nunha nova zona.

Entre a abundante vida que rodea ás plumas de mar destas paisaxes podemos atopar caranguexos ermitáns, rañas negras, estrelas de mar, polbos... e tamén é bastante habitual a presenza dos melgachos (Scyliorhinus canicula)

Os exemplares de menos tamaño locen cores máis pálidas, pero xa amosan os grandes pólipos estrelados e brillantes que caracterizan a este animal tan especial.

Os cenoiros son as plumas de mar máis abondosas dos fondos galegos, pero non as únicas. Ás veces, entre estes xigantes aparecen outras especies máis escasas e pequenas como a pluma portuguesa da foto (Pteroeides lusitanicum)