Fóra dos seus agochos teñen outras formas de defenderse, ás veces adoptan formas estrañas para ocultar a súa silueta normal ou adoptan as doutras formas de vida, imitando gorgonias, algas ou moreas. Isto axúdalles a confundir aos potenciais depredadores. Outras veces propúlsanse rapidamente e deixan atrás unha nube de tinta.
Con sorte poderemos nadar con algún exemplar grande, se mantemos unha distancia de respecto, seguirán o noso xogo, xa que son moi curiosos. Eles vixían, tentean achegándose lixeiramente e respondendo aos nosos achegamentos con pequenos retrocesos. Un sinal de que nos estamos achegando demasiado é que se volvan brancos, o que normalmente indica que teñen medo. Poden vivir sobre dous anos, aínda que non é o máis frecuente.
Aínda que poden reproducirse todo o ano, na ría fano fundamentalmente na primavera, para facer coincidir o nacemento das larvas cos afloramentos costeiros do verán, onde poderán dispor de máis comida.
A femia pon uns 200.000 ovos, que pendura coma acios na parte superior dos buratos entre as rochas, e coida deles ata a eclosión (uns catro meses). Pouco despois, morre de fame. A súa vixilancia é tan tenaz que non se move nin para comer durante este tempo. Por este motivo, antes da posta encárgase de alimentarse ben, o que ás veces inclúe devorar á súa parella de copulación. Os machos pola súa parte, aínda que se libren do canibalismo das súas parellas, morrerán semanas despois do apareamento.