CIRRÍPIDES

Non o parece, pero os percebes ou o arneirón tamén son crustáceos. Son os únicos sésiles e pódense fixar a varias superficies. Péganse grazas a glándulas ou musculosos pés especiais, moi fortes, e teñen o seu corpo protexido por placas calcarias dispostas de xeito similar a unha pirámide. Estas placas pódense pechar hermeticamente, permitíndolles manter a humidade cando a marea está baixa e quedan ao descuberto, e ábrense para sacar as pequenas patas peludas (cirros), que estes estenden e recollen para capturar o alimento en suspensión.

Ao vivir ancorados, tiveron que modificar moito o seu corpo e por iso non se parecen a outros crustáceos. Cando as súas larvas están unidas á superficie onde medrarán, comezan a segregar as placas calcarias, perden os ollos e transforman as patas nadadoras en cirros peludos que lles permitan alimentarse. Son típicos de zonas intermareais e poden formar grandes extensións coloniais.