CNIDARIOS

Grupo de animais mariños e carnívoros, tamén moi primitivo, que abarca unha grande variedade. De feito, son tan diversos que o único que teñen en común é que son urticantes. Nos seus tentáculos ou nos pólipos teñen unhas células chamadas cnidocitos, que se "disparan” inoculando substancias tóxicas para defenderse ante ameazas ou para capturar as súas presas, paralizándoas. É por iso o nome desta familia, xa que knidos significa estruga en grego. 

Os cnidocitos, a arma secreta destes animais, son cápsulas cun filamento oco enrolado en espiral que pode saír a gran velocidade se recibe o estímulo adecuado. Ten espiñas minúsculas e moitas veces tamén é pegañento, pero cada cnidocisto só se pode disparar unha vez, despois o animal deberá formar un novo. Estes mini-arpóns velenosos distribúense en gran número polos tentáculos e a zona da boca. O seu mecanismo de disparo é un dos procesos celulares máis rápidos coñecidos, dado que se descarga en milisegundos a unha velocidade que alcanza os 2 metros por segundo.

 

Son animais con simetría radial, é dicir, os seus corpos medran en diferentes planos ou eixes, o que lles permite relacionarse coa contorna en calquera dirección, algo que é especialmente útil cando se vive unido ao fondo.

Outra característica típica dos cnidarios é que moitos teñen unha dobre vida, adoptan formas moi diferentes durante o seu crecemento e, para iso, sofren unha metamorfose ao longo do ciclo de vida; mais tampouco nisto coinciden todos. O ciclo normal é que, despois dunha primeira fase unidos ao chan (como pólipos), se solten para teren unha vida libre en forma de medusa.

 

Na ría de Vigo abundan os cnidarios que manteñen unha forma de pólipos sésiles (unidos no substrato) ao longo de toda a súa vida, é dicir, sen transformarse en medusa. Estas formas de vida máis "domésticas" que decidiron establecerse nos nosos fondos son numerosas e variadas, distribúense competindo polo espazo xunto con esponxas, algas e briozoos.

Son moitas as relacións de simbiose establecidas polos cnidarios. As anémonas, por exemplo, adoitan xuntarse a outras formas de vida que lles proporcionan movemento, como as cunchas dos ermitáns ou as algas grandes. Pero á súa vez son empregadas como protección por moitas outras formas de vida, como é o caso dos pequenos camaróns ou caranguexos araña. Mesmo hai especies, como a anemone común, que poden ter algas que viven no seu interior, unha relación particular na que a anémona proporciona un lugar seguro para vivir e as algas, a través da fotosíntese, enerxía gratis.

A maioría dos cnidarios aliméntanse de zooplancto (pequenos animais que viven suspendidos na columna de auga), aínda que as anémonas adoitan ser o suficientemente grandes como para capturar e comer peixes pequenos e outros invertebrados. Mais a cadea trófica continúa e os cnidarios tamén teñen depredadores, entre os que destacan as lesmas de mar e outros moluscos con cuncha. É normal que estes pequenos depredadores adquiran as cores rechamantes que teñen os cnidarios dos que se alimentan.

 

Cangrexo araña baixo anemone
Simnia sobre gorgonia

O chanzo que ocupan na cadea trófica e as súas múltiples interaccións, especialmente como lugar de refuxio, reflicten a súa importancia a nivel ecolóxico dentro do equilibrio do ecosistema mariño. Se eliminamos os cnidarios da ecuación, alteramos a existencia doutras especies que dependen deles, de xeito que non só faltarían os alimentos de moitos moluscos, senón que deixarían de albergar numerosos e pequenos crustáceos que, á súa vez, serven de alimento a animais máis grandes coma o polbo. Ademais, algunhas especies, como as anémonas e as gorgonias, establecen grandes poboacións cunha alta densidade de individuos e dan lugar a micro-ecosistemas ao seu redor.

Para facer máis sinxela a súa identificación, poderíamos clasificalos do siguinte xeito: