A centola, en cambio, presenta un corpo curto. O seu cacho é ovalado e alcanza os 35 cm sen contar as patas. Nel aparecen pequenas espiñas espalladas, e outras máis grandes no bordo que limita a parte dorsal e ventral, que van cara arriba (na centola mediterránea –Maja squinado– estas espiñas están dirixidas cara a adiante, sendo un dos criterios para diferencialas).
A pesar do seu tamaño, non é fácil de ver debido ás súas artes da camuflaxe, dado que cobre a cuncha con algas, gorgonias, esponxas... e todo canto poida axudarlle a pasar desapercibida. Recolle directamente coas súas pinzas todo que poida tapala e vaino poñendo sobre o cacho.
Este ten gran cantidade de pelos curvados espallados (coma se fosen anzois) que facilitan a fixación dese "mini-ecosistema" móbil. De feito, cando muda a cuncha, traslada con coidado as algas e outros animais para a súa nova carcasa. Baixo ese abrigo a coloración é avermellada ou alaranxada.
A diferenza de moitos crustáceos, as súas antenas son pequenas e os seus ollos, retráctiles, están situados nos lados delas.
O primeiro par de patas é moi longo (máis longo que a lonxitude do corpo) e ten pinzas pequenas nos extremos. Os outros pares de patas rematan en unllas e permítelle moverse camiñando, é quen de facelo mesmo de cabeza para abaixo, aferrándose firmemente ás rochas.
Xeralmente aparéanse durante a primavera ou o outono, aproveitando a muda das femias (isto facilita a inseminación). Para isto, as centolas migran a maiores profundidades, xuntándose en grandes grupos, centoleiras ou tellos, facilitando así a protección das femias. É común que os polbos pasen por estes grupos esperando algún despiste que lles permita obter un gran botín.
Aparecen en fondos rochosos, a miúdo escondidas en fendas ou grandes buratos. Témolas por toda a ría, pero abundan en Cenoiros, pecios, Frapelo, Cabo de Mar ou A Furna.