Xunto coa centola, o lumbrigante (ou cereixo) é o crustáceo máis grande da nosa ría, co seu longo abdome pode chegar ata o medio metro de lonxitude. Ten un corpo alongado e cilíndrico. Destaca o seu primeiro par de patas coas tenaces, moi desenvolvidas (algo máis nos machos) e potentes. Cada unha das tenaces está especializada en diferentes funcións, polo que son diferentes entre elas: unha ten uns bordos internos rectos e lixeiramente serrados para manipular e cortar, mentres que a outra ten os bordos máis irregulares e con algúns dentes máis grandes para poder esmagar as cunchas das súas presas.
A pinza trituradora normalmente é a esquerda, pero se a perde, a outra pinza convértese en trituradora e a pinza que rexenera é de corte, invertendo a lateralidade.
O segundo e o terceiro par de patas tamén teñen pinzas pequenas, as outras utilízanas para desprazarse, o mesmo que a súa cola en forma de abanico, que lle permite propulsarse a rabexadas.
O seu ritual de apareamento é todo un espectáculo, recomendamos esta ligazón para unha información máis detallada.
Normalmente vive nos fondos rochosos, escondido en fendas e buratos, e ten unha coloración azul escura e marrón, con pintas brancas.
Da cabeza saen dúas longas antenas (que alcanzan a mesma lonxitude que o seu corpo) que moven de forma independente para detectar o que hai ao seu redor e espantar aos depredadores. Son solitarios, territoriais e de hábitos nocturnos.
Por ser de interese comercial, a súa esperanza de vida é moi reducida, mais en realidade son animais moi lonxevos, calcúlase que poden vivir ata 72 anos.
Podemos velos en Cala do rei, Salgueirón, Cenoiros, Frapelo ou Illas Cíes. Por suposto, son cada vez máis escasos, por que será...