Os escarapotes son peixes de aspecto robusto adornado con abundantes espiñas e colgallos de pel por todo o corpo. Caracterízanse por dispor de velenos nas súas espiñas (un motivo máis polo non tocar nada cando mergullamos) e por amosar coloracións variadas e cambiantes con cores chamativas pero que lles permiten mimetizarse coa contorna. De feito, confían moito na súa camuflaxe, polo que, se temos a habilidade de distinguilos no fondo, é probable que permanezan sen moverse se respectamos unha distancia de separación e non facemos movementos bruscos.
En augas galegas podemos atopar alomenos 3 especies: o escarapote vermello (Scorpaena scrofa), o escarapote apintarado (Scorpaena porcus) e a escarapota (Scorpaena notata).
Incluímos tamén nesta sección ao escarapote bravo (Taurulus bubalis) que, a pesar do seu nome, non é un verdadeiro escarapote, pero amosa características semellantes.