O máis abundante dos espáridos na ría, pode alcanzar os 45 cm aínda que normalmente serán de menor tamaño. O sargo común ten varias bandas transversais negras (entre 5 e 9) que son máis visibles nos adultos e máis difusas nas crías. As aletas pélvicas son escuras e o bordo pode ser branco ou azul claro.
Aínda que viven en grupo, son evasivos e adoitan refuxiarse nas rochas ao se sentir ameazados. Os exemplares máis pequenos adoitan vivir a pouca profundidade e é común atopalos na beira da praia. Nin sequera é raro que veñan "picar" as nosas pernas.
Presentes en calquera punto de mergullo ou praia, os bancos grandes son moi comúns nas Illas Cíes.
Os sargos que habitan no Mediterráneo presentan unha evolución diferente no padrón de debuxo. Son os novos os que levan as franxas escuras ben marcadas e, a medida que medran, acláranse ata que se esvaen nos adultos.