ESPÁRIDOS

Son gregarios, polo que viven en grupos, podendo chegar a formar grandes bancos nos que aparecen mesturadas diferentes especies. Atoparémolos nas proximidades de fondos rochosos ou nas praias e quizais sexan os peixes máis abundantes de Galicia, tanto, que case pasan inxustamente desapercibidos a pesar dos seus fermosos reflexos prateados e, nalgunhas especies, tamén reflexos dourados. Son fáciles de ver, mesmo na praia á beira do mar (claro que daquela normalmente son crías de pequeno tamaño), aínda que achegarse non sempre é doado.

Teñen un tamaño mediano, duns 20-30 cm, nadan propulsados pola aleta caudal, que poden mover moi rapidamente, e teñen aletas pectorais grandes, transparentes e apuntadas. Os seus grandes ollos contrastan coa boca pequena, o corpo é ovalado, con forma de disco e moi comprimido lateralmente. De cor prateado con manchas negras que se distribúen de forma diferente segundo a especie (criterio empregado para distinguilas) e coa liña lateral ben marcada.

Cabe dicir que a boga é a única especie que escapa desta descrición, xa que presenta un corpo notablemente máis alongado ca o resto. Iso si, os seus ollos son os máis grandes de todos os espáridos galegos.