Son estruturas tan básicas que non teñen tecidos nin órganos no seu deseño corporal, mais iso é compensado pola súa enorme plasticidade. As súas células son capaces de cambiar a forma e función segundo as necesidades do ambiente onde viven (totipotentes), dando lugar a unha enorme variedade, non só entre diferentes tipos esponxas, senón tamén dentro da mesma especie. Esta característica especial das súas células fai que as esponxas sexan capaces de "reconstruírse". Nos estudos de laboratorio someteron ás esponxas a presións que "esmagaban" unha parte do seu corpo e inmediatamente as súas células comezaban a moverse para volver á súa posición anterior e recuperar a función que desempeñaban, de xeito que en 2 ou 3 semanas a esponxa xa recuperara a súa forma e funcionalidade. Ademais, cando se realizou o mesmo experimento, xuntando dúas partes de esponxas diferentes, separáronse e reconstruíronse cada unha por conta propia. O que nos demostra que, dalgún xeito, recoñécense entre elas.
O Atlántico norte europeo é unha das rexións do mundo con maior riqueza e variedade de esponxas. En Galicia hai moitos tipos diferentes, aquí incluímos só algúns dos que atopamos con máis frecuencia. Adoitan ter cores rechamantes e poden amosar diferentes formas e tamaños para adaptarse a diferentes ambientes. Son relativamente fáciles de identificar e diferenciar doutros animais, xa que o seu corpo é poroso, pero, salvo algunha moi característica, é moi difícil distinguir entre diferentes especies de esponxas e adoita ser necesario un estudo co microscopio para identificar a especie.
As rochas son as superficies que máis empregan para medrar, pero tamén viven fixándose nas algas ou nas coirazas e cunchas doutros animais, e hainas que desenvolven rizomas (raíces febles) para ancorarse na area. Para establecerse, prefiren zonas onde hai un certo grao de corrente que facilite a súa filtración e con baixos niveis de sedimentación, xa que, se esta é moi abundante, atoaría as súas canles internas. Esta é a razón pola que normalmente prefiren paredes verticais de rocha e, por iso, debemos ter coidado de non levantar demasiada area cando nadamos preto delas.
A nivel global, realizan importantes funcións no equilibrio do ecosistema mariño, dado que as súas estruturas axudan a modelar e construír os ambientes bentónicos (dos fondos) e, debido á súa natureza, actúan como filtros biolóxicos que moven os nutrientes e "limpan" detritos.
Pero tamén xogan roles importantes a menor escala, en función das relacións que establecen no medio mariño. Contribúen ao equilibrio da biodiversidade a través da súa competencia, a maior loita das esponxas é polo espazo, competindo entre elas ou con algas e outros animais que tamén viven ocupando a superficie das rochas, como os briozoos ou os cnidarios. Como precisan menos luz para desenvolverse que as algas, a partir dos 20 m. de profundidade son máis abundantes que estas, mentres que neses primeiros metros son as algas as que gañan a partida.