ESTRELAS

Son un clásico dos mares e poden presentar diferentes formas e cores. Normalmente, teñen 5 brazos, aínda que algunhas das especies de Galicia poden ter máis, entre 7 e 12. Tamén podemos ver un cun brazo de menos, pero pode rexeneralos, aínda que os perdera case todos.

Aínda que se moven con movementos suaves e lentos sen mover os brazos (grazas aos milleiros de pequenos pés/podios que teñen na parte ventral dos brazos), son depredadoras, e entre as súas presas favoritas están os bivalvos e os ourizos, pero tamén outras especies de estrelas. A súa voracidade fai que unha soa estrela pode comer ao redor dunha ducia de bivalvos ao día. Os múltiples pés cos que se move permítenlles respirar e están situados na parte ventral, o mesmo que a boca. Na zona dorsal esténdense as pugas, os pedicelarios (pinzas pequenas) e tamén as pápulas, pequenas protuberancias que axudan á respiración.

A PARTE POLO TODO

Moitos invertebrados son capaces de rexenerar partes do seu corpo en maior ou menor medida. Esponxas, cnidarios, moluscos, crustáceos ou algúns vermes amosan este superpoder máis común do que pensamos na vida mariña.

Esta virtude é especialmente rechamante nos equinodermos. A estrelamar, por exemplo, non só é capaz de facer medrar un brazo perdido, tamén é posible que faga a rexeneración de xeito inverso. Se unha parte grande do disco central permanece cun brazo amputado, pode restaurarse completamente.

As ofiuras tamén poden facer que os brazos volvan crecer, o cal aproveitan para desprenderse deles e usalos como cebo cando se achegan os depredadores. Pola súa banda, algúns carallotes, como as holoturias, expulsan os túbulos de Cuvier xunto con parte ou todo o seu intestino pegañento cando son perturbados e rexenérano despois. Os ourizos fan medrar as súas espiñas e os crinoideos, calquera parte do seu corpo.