Faros e balizas

TORRES BALIZA. A cara oculta dos "faros" mariños


Para coordinar e facilitar a navegación nos espazos mariños moi transitados, emprégase unha rede de balizas e boias que serven de sinais marítimas. Os seus diferentes cores e padróns de luz informan sobre a presenza de obstáculos ou localizacións concretas de interese. Pero máis alá desta función na superficie, as balizas desenvolven outro importante papel baixo o mar, creando novos arrecifes artificiais onde diferentes formas de vida ábrense paso para dar lugar a interesantes paisaxes.

 

A parte somerxida destas estruturas de sinalización xeran ao seu redor ricas contornas con características moi particulares, case sempre marcadas pola abundancia de mexillóns (Mytilus galloprovincialis) e grandes algas pardas como os argazos (Saccorhiza polyschides).

Os mexillóns forman unha primeira capa que recobre a torre somerxida e, a súa vez, serven de base para que outra capa de animais se instalen sobre eles. Anemones xoia (Corynactis viridis), balanus (Balanus sp.), esponxas e outras formas de vida tecen este tapiz multicolor.

 

Ao igual que acontece nas zonas de bateas, a gran cantidade de mexillóns presentes nestas paisaxes orixina a chegada de moitas estrelas de mar (ás que lles encanta comer mexillóns) , especialmente da estrela de mar espiñenta (Marthasterias glacialis), que pode chegar a formar agrupacións de centos de exemplares.

Tamén as pequenas anemones brancas (Actinothoe sphyrodeta) adoitan estar presentes en gran número recubrindo a parte somerxida da torre.

En ocasións, as balizas indican accidentes perigosos para a navegación, o que fai habitual atopar restos de barcos afundidos que naufragaron nesta zona antes da instalación destas sinalizacións. A baliza de Borneira -na ría de Vigo- é un claro exemplo e acolle ao seu redor multitude de vestixios de embarcacións que chocaron contra os baixos rochosos dos que advirte.

As funcións que poden cumprir as cunchas xa baleiras dos mexillóns son moitas. Na foto, podemos ver unha parella de lorchiños (Gobiusculus flavescens) colocando a posta e fecundándoa. O macho, coas aletas especialmente coloridas para a ocasión, míranos de fronte vixiante mentres a femia está preocupada na colocación dos ovos.

O fondo de cascallo de mexillón que se crea ao redor da torre tamén é o escenario ideal para mestres da camuflaxe, como o choco (Sepia officinalis).

Tampouco faltan os bancos de peixes, en ocasións moi numerosos, nadando no azul que rodea a baliza. Entre os máis habituais destacan os sargos (Diplodus sargus), chaparelas (Diplodus vulgaris), bogas (Boops boops), ou os bancos de exemplares xuvenís, como os da foto.