Fondos rochosos pouco profundos
Fendas cheas de vida
Sen dúbida, os lugares máis visitados polas mergulladoras, xa que acollen unha enorme cantidade de vida. As rochas son o sitio ideal para que as algas e animais sésiles (aqueles que viven aferrados a superficies duras) poidan instalarse, e nas aguas do Atlántico recóbrense de tantas especies que apenas deixan ver a pedra que hai baixo elas. Isto da lugar a fermosos tapices vivos de cores e actúa como un reclamo para numerosas e diversas formas de vida que acoden aquí a alimentarse.
Ademais, a abundancia de recunchos e fendas que se forman entre as rochas actúan como refuxios perfectos tanto para animais de pequeno tamaño, como os peixes lapa, como para os de maior envergadura, coma congros, polbos, centolas ou lumbrigantes.