GÁDIDOS

Os gádidos abundan na ría, son peixes da familia á que pertence o bacallau, aínda que este vive máis ao norte e nas inmersións veremos principalmente fanecas e abadexos.

Son facilmente recoñecibles porque teñen 3 aletas dorsais e 2 anais. Ademais, o seu corpo anchea lixeiramente na parte anterior dándolle unha forma de rombo estirado.

A faneca ten barba na parte inferior da boca (coma o bacallau), o abadexo non a ten e a súa silueta é moito máis longa que a da faneca. A súa coloración tamén é diferente, pero ambas as dúas presentan unha marcada liña lateral que se curva cara arriba antes de chegar á cabeza.