ARGAZO BRAVO (Saccorhiza polyschides)

É unha das nosas algas máis emblemáticas, dominando a vexetación de grandes áreas da ría de ata 20 metros de profundidade, podendo formar auténticos bosques xunto con outras laminarias.

A súa forma é tan peculiar que a fai inconfundible. Na base, onde ten o rizoide (equivalente á raíz das plantas), desenvolve un gran bulbo oco e verrugoso que o axuda a pegarse firmemente.

Esta protuberancia pode chegar ata 30 cm. de ancho e é un lugar magnífico onde os pequenos animais se refuxian para esconderse dos depredadores.
Antes de que se desenvolva completamente, o bulbo, aínda sen verrugas, espállase coma unha campá con ramificacións que cobren a base da alga.

Xusto por riba do bulbo, o estipe (talo) ensancha e forma volutas a xeito de faralaes a cada lado do bordo.

O estipe é plano, o que fai posible diferenciar inmediatamente o argazo doutras laminarias, que o teñen cilíndrico, e ascende ata despregar a súa enorme lámina ramificada en múltiples fitas.

As longas fitas laminadas da fronde esténdense ondulando coa corrente mariña e son un bo lugar para establecerse moi diferentes especies de briozoos, moluscos e outras algas.

É unha alga de vida curta, con ciclos anuais e, aínda así, chega a grandes tamaños, alcanzando varios metros de lonxitude. A pesar do seu aspecto impoñente, é unha alga moi fráxil e rompe con facilidade cando as tormentas chocan durante o inverno. Cando isto ocorre, os restos das súas láminas e parte do estipe chegan ás praias como arribazóns.

Pola súa banda, o bulbo é capaz de sobrevivir aínda durante meses por si mesmo, mantendo o refuxio de pequenos animais por un tempo. Para reproducirse deposita os gametofitos que liberarán os gametos sobre un tipo de alga vermella calcaria, Mesophyllum lichenoides (ver nas algas vermellas).

Prefire as augas tranquilas, lonxe da costa e pode aparecer en moitos puntos de mergullo, sendo especialmente abundante en Cala do rei, Bondaña, Tofiño e Cenoiros.

Talos planos que o distinguen das laminarias
Aspecto dos bulbos
Os argazos poden superar os 2m
Nudibranquio e briozoo sobre argazo
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar