Os pintos e as maragotas son os lábridos máis grandes que atopamos no mergullo, entre 30 e 40 cm (especialmente os pintos, que poden medir ata medio metro), e son moi abundantes en toda a ría.
Labios carnosos e aleta dorsal continua estendéndose case ata a cola. Na parte traseira, esta aleta forma un apéndice máis alongado e brando.
O corpo é moi sólido e está comprimido lateralmente. Mentres os pintos teñen a pel laranxa con manchas claras, as maragotas teñen padróns máis uniformes ou con manchas en tonalidades marróns, amareladas e verdosas.
Ademais, os padróns de manchas presentados por estes peixes son únicos e permítenos identificalos individualmente. De feito, grazas a esta característica e a un seguimento por marcas, un interesante estudo do CSIC-Vigo conclúe que son "un dos casos máis radicais de fidelidade espacial coñecidos". Os machos toman pequenos territorios de varias rochas para atraer as femias e regresan ao mesmo lugar con precisión cada ano.
Fidelidade especial
Son moi lonxevos, poden chegar aos 22 anos de idade. Frecuentan zonas rochosas, onde se refuxian cando se senten en perigo. Parece que á maragota gústalle máis agocharse entre as algas grandes coma os ramallos de mar, mentres que os pintos tenden a refuxiarse en grandes cavidades rochosas. Se nos achegamos lentamente tamén terán curiosidade por nós, especialmente as maragotas.
Estes peixes sempre nacen como femias e, co paso dos anos, durante a maduración sexual, algunhas transfórmanse en machos, de xeito que son hermafroditas secuenciais (primeiro un sexo e despois outro) e proteroxínicas (primeiro femias e despois machos). Esta estratexia favorece a perpetuación da especie, pero fai que sexan moi vulnerables a factores externos como a pesca. Cando mudan de sexo e dado que enerxicamente custa menos producir esperma que ovocitos, os machos poden dedicar máis enerxía ao crecemento e alcanzar tamaños maiores.
Podes atopalos en calquera parte da ría, pero pola súa abundancia e gran tamaño, é importante salientar os puntos de mergullo das Illas Cíes.