XULIA (Coris julis)

As xulias ou doncelas teñen cores bastante rechamantes, de tamaño medio, duns 20 - 25 cm e teñen un corpo máis alongado que outros lábridos da ría.

Presentan dimorfismo sexual, é dicir, femias e machos son diferentes, teñen diferenzas na súa forma e nos seus padróns de cores, e isto fainas máis distinguibles.

Ademais, coma moitos peixes, son hermafroditas secuenciais, poden mudar o sexo ao longo da súa vida. En concreto, algunhas xulias que nacen como femias converteranse en machos (proteroxínicos), o que tamén implica a súa transformación externa. As femias xeralmente viven en harén cun macho e cando o macho morre ou está debilitado, a femia dominante convértese nun macho para ocupar o seu lugar. Esta desproporción numérica fai que sexa máis difícil atopar os machos.

As femias son máis pequenas e teñen unha silueta máis estilizada. Presentan franxas lonxitudinais de cores avermelladas ou marrón na parte dorsal, intercaladas con outras de cores claras, xeralmente unha franxa branca bordeada na parte inferior por unha amarela máis fina. A parte ventral adquire tons máis claros.

Os machos son máis robustos e grandes e os seus padróns de cores son especialmente vistosos, especialmente cando son maduros. A parte dianteira da súa aleta dorsal é sensiblemente alongada e normalmente presenta unha mancha negra e vermella, só visible cando a desprega.

​Os machos secundarios (femias transformados en machos) presentan cores laranxas, amarelas e verdosas na parte dianteira do seu corpo, que escurecen cara á cola, onde o verde azulado é máis escuro e está entrecruzado con raias negras transversais.

Os machos primarios (os que xa naceron como machos) presentan un padrón de cor máis avermellado. Tanto as femias coma os machos presentan unha mancha azul intensa na aleta pectoral (os machos poden presentar dúas).

​As xulias macho teñen debuxos e cores diferentes no Mediterráneo, onde os machos carecen de franxas paralelas escuras na área próxima á cola. No seu lugar amosan unha rechamante franxa laranxa en zigzag e unha mancha escura detrás da aleta pectoral.

​Podemos atopalos en moitas zonas da ría, especialmente en zonas rochosas con abundancia de laminarias, aínda que se deixan ver máis polas Illas Cíes, Cabo de Mar e no pecio Ivy. 

Xulia femia
Xulia macho
Detalle femia
Detalle macho
Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar