Os lábridos forman unha gran familia con moitas especies diferentes. Son moi numerosos na ría, xa que son típicos de zonas con abundancia de algas. Sempre se observan no mergullo aínda que, agás as maragotas e os pintos, xeralmente son de pequeno tamaño. Teñen un corpo alongado e comprimido lateralmente, unha aleta dorsal longa e continua e potentes aletas pectorais, que usan para propulsarse na natación e axudalos a manobrar con grande axilidade entre as rochas, o seu ambiente natural.
Reciben ese nome polo desenvolvidos que teñen os labios, especialmente o superior. Teñen a boca en posición terminal e, aínda que non tanto coma os peixes planos, poden "proxectala" lixeiramente para comer (protráctil). Nela están os seus afiados dentes canteiros. A maioría son carnívoros e moi voraces, aínda que algúns son herbívoros e tamén hai algúns que se alimentan dos parasitos doutros peixes. Normalmente son solitarios ou viven en pequenos grupos e depositan os ovos en niños, que adoitan ser coidados por machos.