MOLUSCOS

Os moluscos son unha familia de animais moi numerosa e variada (o mesmo acontecía co grupo de crustáceos) pero a pesar de abarcar especies tan diferentes coma os croques, nudibranquios, caramuxos ou polbos, manteñen unha serie de características comúns.

Teñen un corpo brando e con simetría bilateral, a maioría das veces dividido en cabeza, masa visceral ou manto, e pé musculoso (aínda que nalgúns casos falta a cabeza) e moitos deles son capaces de segregar unha cutícula calcaria do manto que cobre o seu corpo para formar unha cuncha.

Como veremos, algúns forman unha única cuncha (lapas ou caramuxos), outros xeran dúas valvas (mexillóns), hainos que reduciron moito o tamaño desta cuncha ou a súa consistencia e conservan este vestixio no seu interior (coma os chocos ou as borrachas) e, outros, directamente, non teñen cuncha (polbo ou nudibranquios), en cambio desenvolveron outros mecanismos de defensa.