OURIZOS
Carecen de brazos e teñen unha forma esférica, que pode estar algo aplanada, pero manteñen a estrutura do corpo en cinco partes, coma se fosen cinco porcións de laranxa. Teñen unha forte cuncha da que saen pugas longas e móbiles, e móvense grazas a estas pugas e aos podios/pés que teñen entre elas, que rematan nunha pequena ventosa para facilitar esta tarefa. Ademais, entre estas espiñas e os pés teñen pequenas pinzas (pedicelarios, tamén presentes nas estrelamares), xeralmente para defenderse, limparse e capturar alimento. Aliméntanse de algas, facendo un traballo importante no control da súa proliferación. Na boca teñen unha estrutura calcaria para mastigar, moi complexa e potente, formada por moitas pezas esqueléticas e musculares, que se chama lanterna de Aristóteles.
Hai tamén ourizos irregulares, xeralmente máis aplanados, que desenvolven unha simetría bilateral secundaria. As súas espiñas son pequenas, finas e densas, dándolles un aspecto peludo. Podemos atopalos enterrados na area ou entre as algas da praia coa marea baixa.