Este peixe con forma de serpe é un dos máis buscados polos mergulladores. Agochado entre as fendas de formacións rochosas ou en pecios, aparece timidamente durante o día, case sempre rodeado de camaróns. De hábitos nocturnos, por iso durante o día está acostumado a estar nos buratos. Cando mira cos seus grandes e inexpresivos ollos, parece un tanto fantasmagórico.
Teñen a pel gris escura e sen escamas (os novos teñen unha tonalidade máis clara) e tirando a branca na zona ventral.
Ten as aletas dorsal e anal continuas, de xeito que percorren todo o seu corpo e se atopan na cola. Tamén teñen pequenas aletas pectorais e carecen de aletas pélvicas.
Ao longo do corpo esténdese a liña lateral que ten unha liña de poros brancos, a través dos cales segrega o moco que lle dá o seu aspecto escorregadizo.
Presentan dous pares de orificios nasais, os do fociño teñen pequenos tubos de pel e os posteriores están preto do ollo. A boca é grande e a mandíbula superior está lixeiramente máis adiante que a mandíbula inferior.
As femias alcanzan un tamaño maior que os machos e poden acadar os 3 metros, aínda que é habitual atopalas máis pequenas. Pola súa banda, os machos miden algo máis de 1 metro. É por isto que son os peixes máis grandes que se poden ver na ría.
Apenas se reproducen unha vez na vida e despois morren, pero as femias poñen millóns de ovos. Cando isto sucede migran moitos quilómetros cara a alta mar, ata chegar ás zonas profundas de reprodución. A gran cantidade de enerxía que dedican á reprodución diminúe a que dedican a outros aspectos, de xeito que comeza a súa fase de "deterioro", trala reprodución morren.
É frecuente que presenten grandes cicatrices, rastros, probablemente, de pelexas coas súa presas favoritas, cefalópodos e crustáceos. Parecen ser moi resistentes a este tipo de lesións e ás veces mesmo podemos atopalas cun ou varios anzois enganchados.
Bo anfitrión, non é raro que comparta cova con lumbrigantes ou centolas. Tamén é normal que outras formas de vida máis pequenas busquen relacionarse con el, como os camaróns ou as centolas.
Aínda que sexa pacífico non convén molestalo (como a todos os demais animais), terá moita curiosidade á luz da lanterna e non dubidará en mirar para fóra para ver o que pasa.
Pódese atopar en moitos dos puntos da ría, desde os pecios ata as formacións rochosas pouco profundas das Illas Cíes, pero Frapelo e Os Cenoiros destacan como lugares especialmente propicios para atopar grandes exemplares.