O peixe porco e o único balistes que atopamos nestas latitudes, parece que chegou para quedar a mediados do século XX, probablemente pola suba das temperaturas provocada polo cambio climático e na actualidade é frecuente atopalo no verán. Xeralmente aparece só ou en parella, aínda que non é raro velos en pequenos grupos.
Mide ata 75 cm, de forma ovalada e o corpo está moi comprimido lateralmente. A súa pel é moi dura e a súa boca, aínda que pequena, ten dentes poderosos. Hai que ter coidado cando gardan os seus niños, dado que as mordeduras se notan a través do traxe de neopreno. Pero é un peixe tranquilo e curioso, ao que é doado achegarnos.
Como pista, pode axudarnos saber que cando están a coidar a posta a súa cabeza branquea.
Os seus ollos son pequenos (en relación co seu tamaño) e están moi elevados. Pode movelos de xeito independente e están moi separados uns dos outros, seica é unha modificación que permite comer ourizos (un dos seus alimentos favoritos) sen facerse dano.
Teñen tres espiñas unidas por unha membrana na primeira aleta dorsal, que usa para "atascarse" nas fendas e non deixarse capturar, dado que recorre a esconderse en pequenos espazos entre rochas cando hai perigo. Normalmente estas espiñas están recollidas.
A segunda aleta dorsal e a aleta anal son extensas e móveas con ondulacións para nadar. Tamén se axuda coas aletas pectorais.
A súa pel é de cor gris azulado uniforme, ás veces con franxas transversais máis claras. Amosa liñas de cor azul intenso nas aletas. A zona ventral e os extremos das espiñas e da cola poden ser case brancos.
Aínda que pode aparecer en diferentes lugares da ría, é especialmente frecuente atopala nas Illas Cíes e, máis concretamente, no illote de Viños.