PEIXES ÓSEOS

Os peixes óseos son os que vemos máis a miúdo nas praias ou durante o mergullo. Diferéncianse doutros tipos de peixes pola presenza de espiñas, teñen un esqueleto óseo que está formado por calcificacións. Ademais, aínda que hai algunhas excepcións, teñen un órgano especial de flotabilidade que lles permite manter a súa posición na auga sen esforzo, a vexiga natatoria. Este órgano é coma un globo cheo de gas que se adapta automaticamente á presión exercida pola auga segundo a profundidade e permite ao peixe ser ingrávido no mar.

Outra característica que distingue este tipo de peixes é que as súas branquias están protexidas por unha "tapa" chamada opérculo, que tamén poden mover voluntariamente para facilitar o paso da auga.

​Aquí destacaremos só algúns dos peixes óseos que se ven máis comunmente. Para facilitar isto, dividirémolos en tres grandes grupos:

PEIXES NADADORES: lábridos - serránidos - espáridos - morónidos - muxílidos - gádidos – múlidos

Trátase dos peixes "típicos" que se desprazan libremente na auga, de xeito que os seus corpos toman formas hidrodinámicas. Poden vivir formando bancos ou dun xeito máis solitario e entre eles atopamos clásicos como sargos, maragotas, muxes ou fanecas. 

PEIXES DE FONDO : blénidos - góbidos - raposas – peixes lapa - escarpóns - peixes planos

Outros peixes adaptáronse para vivir no fondo, polo que non teñen vexiga natatoria. Atoparémolos camuflados pola area ou entre as rochas. Case sempre son solitarios e moitas especies viven nas zonas pouco profundas, polo que se poden ver nas rochas da praia coa marea baixa.

PEIXES ESPECIAIS : congro – peixe porco - sanmartiño - singnátidos (cabaliños de mar e peixes pipa) - escarapotes

Recollemos nun grupo algunhas especies que, polas súas características morfolóxicas, escapan da imaxe tradicional que temos do peixe. Son exemplares rechamantes pero tamén moi coñecidos.

Buscar
Grupo
Tipo
      de  2