TAPACONAS (Zeugopterus punctatus)

Son moi habituais na ría, aínda que poden pasar desapercibidos facilmente, xa que se camufla moi ben coas rochas sobre as que se pousan, amosando cores e debuxos similares na súa cara dorsal, o lado dos ollos, e porque adoitan meterse nas fendas estreitas.

A súa coloración é de tons pardos con manchas circulares máis escuras dispersas e outras dúas manchas distintivas, escuras e alongadas, que saen en diagonal dos ollos.
Mide entre 20-30 cm.

É un peixe "zurdo" (os ollos están no lado esquerdo) e non é raro atopalo dado a volta sobre as rochas.
Nada ondulando as aletas dorsal e anal e tamén usa a pequena aleta pectoral. A diferenza doutros peixes planos, frecuenta máis as rochas que a area e ten as aletas pélvicas unidas á aleta anal.

Como na maioría dos peixes planos, a súa boca é protráctil, o que significa que pode proxectar a súa boca e lanzala de súpeto para sorprender as súas presas e capturalas.

A menos que nos acheguemos demasiado, permanecerá inmóbil, dado que confía moito na súa camuflaxe.

Atopámolo en calquera punto de mergullo onde teñan rochas sobre as que camuflarse, as Illas Cíes, Frapelo, Cenoiros ou Cabo de Mar son lugares onde abundan.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar