PEIXES PLANOS

Outro grupo que adaptou a súa forma corporal para vivir no fondo son os peixes planos ou pleuronectiformes, de feito, son os únicos vertebrados sen simetría bilateral cando son adultos, é dicir, que non teñen o corpo dividido en dúas partes iguais e simétricas.

Ao nacer, si que teñen a simetría dos outros peixes cun ollo a cada lado, pero a medida que medran pérdeno. O seu corpo vaise comprimindo sobre un dos seus lados (segundo a familia pode ser a dereita ou a esquerda) e un dos seus ollos "migra". A parte que se expón cara arriba adquire cores que lle permiten camuflarse e alí acomoda os dous ollos, mentres que a parte do corpo sobre a que descansan é máis clara.

As aletas dorsal e anal esténdense de maneira continua por case todo o corpo e as súas ondulacións son as que lle permiten moverse. Tamén se impulsan coa súa cola, que pode chegar a ser moi potente.