PEPINOS

Son equinodermos sen brazos, coma os ourizos, pero cunha forma alongada e cilíndrica. Tampouco presentan espiñas, senón papilas apuntadas na parte "dorsal". Aínda que non o parece, teñen o corpo dividido en 5 partes lonxitudinais iguais, tres na parte "ventral" (trivio ou sola), que normalmente ten pés que usan para moverse, e outras dúas na parte do "dorso" (bivio) , onde os pés, que xa non son funcionais, transfórmanse en pequenas protuberancias ou papilas sensoriais.

A boca está situada nun extremo (rodeada por un anel de tentáculos), e o ano no outro, de xeito que viven deitadas sobre un lado.

Normalmente miden entre 10 e 25 cm. e adoitan ter cores apagadas, coma o negro, o marrón ou o verde escuro. Algúns aliméntanse dos detritos que hai na area, outros teñen tentáculos moi ramificados e son filtrantes. Para moverse actúan dun xeito similar aos vermes, reptando grazas ás contraccións do seu corpo carnoso e aos seus pés.

A información sobre moitas das especies de holoturias é bastante escasa. Deixámosvos algunhas fotos de pepinos que aínda non identificamos.