RAIA RISCADA (Raja undulata)

As raias son animais moi antigos, do período cxurásico e calcúlase que levan 150-200 millóns de anos no mar. Son marioritariamente bentónicas (viven no fondo do mar) polo que adaptaron a forma do seu corpo a este estilo de vida: con cores que lles permiten camuflarse, un corpo aplastado para poder enterrarse e carecendo de aleta anal.
Nada grazas ás ondulacións das súas grandes aletas pectorais, que percorren todo o seu corpo e na parte vertical, apoiadas na area, é onde se atopan a boca, os orificios nasais, as branquias (por onde bota a auga ao respirar) e os electrorreceptores.

A raia que atopamos con máis frecuencia na ría é a RAJA UNDULATA ou RAIA RISCADA, cuxas aletas pectorais están moi desenvolvidas e estendidas ao longo do corpo, úsanas con movementos ondulatorios para moverse. Pode superar o metro de lonxitude, ten un corpo en forma de disco romboide, máis ancho do longo, e un fociño curto.

​Como son bentónicas carecen da aleta anal e teñen na súa parte dorsal os espiráculos (dous buratos xusto detrás dos ollos) por onde entra a auga para respirar, de xeito que non entre area, o que sucedería se tomasen a auga por a boca como fan algúns tiburóns.

Presenta unha textura rugosa na parte dorsal, con dentículos dérmicos e múltiples espiñas espalladas polo disco (máis nas femias), especialmente na liña dorsal.
Algo que chama moito a atención nas raias riscadas é a forma dos seus ollos, dado que as súas meniñas teñen unha curiosa forma de folla de fento. Ademais, diante e detrás dos ollos, son visibles dous pares de espiñas. Xunto a elas atópanse os espiráculos.

Para camuflarse nos fondos ten unha cor agrisada, ás veces con tons amarelentos, decorada cun debuxo de raias escuras onduladas e puntos brancos cun bordo escuro. Os puntos brancos que bordean as liñas escuras son máis pequenos e outras áreas parecen outros máis grandes.
A zona ventral é branca e nela están localizados os orificios nasais e as fendas branquiais.
Tamén a boca e os receptores electro-sensoriais están de cara á area, facilitando así a detección e captura de presas, dado que as raias riscadas tenden a rastrexar os fondos areosos na procura de alimento, incluídos os equinodermos, crustáceos e bivalvos.

A súa cola é estreita e alongada, úsana como temón e nela sitúanse as pequenas aletas dorsais. Os machos teñen unha fileira de espiñas ao longo da cola a cada lado, mentres que as femias teñen dúas filas. Entre o disco e a cola atópanse as aletas pélvicas, con dous lóbulos alongados cada unha, que se estenden cara atrás. Entre elas e a cola atópanse os pterigopodios (órganos reprodutores masculinos), a simple vista é como se tiveran outro lóbulo engadido e permite diferenciar facilmente a simple vista a femia e o macho. Estes pterigopodios, ademais de ser retráctiles, pódense virar para facilitar a fecundación.

Son ovíparas, é moi frecuente atopar a envoltura dos seus ovos nalgunhas praias. Son moi característicos pola súa cor negra e pola súa forma rectangular con filamentos enroscados nos seus catro extremos. Poñen ao redor de 30 ovos ao ano, especialmente durante a primavera.

As raias riscadas son máis activas pola noite, polo que durante o día normalmente están pousadas ou enterradas na area, perfectamente ocultas e deixando ver apenas os ollos e os espiráculos. Pódense ver en puntos como Os Cenoiros, Frapelo ou Cabo de Mar, aínda que poden aparecer practicamente en calquera lugar da ría.

Ocasionalmente na ría pódense observar outros tipos de raia:

  • Dasyatis pastinaca, ouxa ou ferreiro, que ten un corpo máis liso e unha coloración uniforme gris escuro. Teñen un aguillón velenoso na base da cola que poden substituír cando o perden.
  • Torpedo marmorata ou tremedeira, máis redondeada e cun corpo xaspeado. Hai que ter coidado porque poden producir descargas eléctricas.

​Hai máis especies presentes na ría, aínda que menos abundantes que a raia riscada. Para máis información:

Rayas en Galicia

Raia Riscada
Ollo e epiráculo da Raia Riscada
Ollo e espiráculo
Raia Riscada
Ovo de raia riscada
Ovo