RAIAS

As raias son animais moi antigos, do período xurásico e calcúlase que levan 150-200 millóns de anos no mar. Son marioritariamente bentónicas (viven no fondo do mar) polo que adaptaron a forma do seu corpo a este estilo de vida: con cores que lles permiten camuflarse, un corpo aplastado para poder enterrarse e carecendo de aleta anal. A boca e as branquias quedan na parte ventral (contra o fondo) o que facilita a captura das presas, pero pode dificultar a respiración cando están deitadas. Por iso, na parte dorsal (a que queda na zona superior), ademais dos ollos, están os espiráculos, uns buratos que permiten captar auga para respirar cando están pousadas na area.

As raias desenvolveron moito as súas aletas pectorais para voar na auga, esténdense ao longo do seu corpo aplanado ata as aletas pélvicas. Deste xeito obteñen flotabilidade en ausencia de vexiga natatoria, nadando e planando. A pesar do que poida parecer, os seus movementos son moi áxiles e teñen unha grande manobrabilidade.
A súa cola reduciuse a unha delgada prolongación a xeito de látego onde se atopan as aletas dorsais. Non teñen aleta anal e en vez de escamas na pel, ou teñen dentículos dérmicos, que lle dan un tacto áspero ou teñen a pel lisa cuberta de mucosa.

​Para defenderse, algunhas desenvolveron aguillóns, que poden ser velenosos, ou incluso órganos que poden producir descargas eléctricas. Cando teñen aguillóns velenosos, como as ouxas ou os chuchos, estes están na súa fina cola. Normalmente teñen un único aguillón conectado a unha glándula que segrega unha mucosa tóxica. Os efectos destas picaduras dependen da súa intensidade e van dende calambres e parálise parcial ata dificultades respiratorias.

Por outra banda, unhas 17 especies de raias desenvolveron a capacidade de producir descargas eléctricas, todas elas raias torpedo, grazas aos músculos modificados na súa cabeza. Estes órganos electróxenos teñen a súa polaridade positiva na parte dorsal e a negativa na parte ventral, polo que a descarga é especialmente intensa cando se tocan os dous lados da raia. Son capaces de modular a intensidade da descarga segundo a súa función, polo que, cando a usan para defenderse ou capturar presas, é máis intensa que cando a usan para comunicarse entre elas. Dado que as raias tenden a enterrarse na area, é importante ter coidado de non molestar para evitar estas respostas de defensa.

Os seus sentidos tamén tiveron que adaptarse a vivir no fondo. Dado que o seu corpo está aplanado, os ollos están no lado superior, polo que non lle deixan ver o que hai debaixo, pero isto compénsao co seu desenvolvido olfacto e os electrorreceptores que ten do lado ventral.