Presenta unha textura rugosa na parte dorsal, con dentículos dérmicos e múltiples espiñas espalladas polo disco (máis nas femias), especialmente na liña dorsal.
Algo que chama moito a atención nas raias riscadas é a forma dos seus ollos, dado que as súas meniñas teñen unha curiosa forma de folla de fento. Ademais, diante e detrás dos ollos, son visibles dous pares de espiñas. Xunto a elas atópanse os espiráculos.
Para camuflarse nos fondos ten unha cor agrisada, ás veces con tons amarelentos, decorada cun debuxo de raias escuras onduladas e puntos brancos cun bordo escuro. Os puntos brancos que bordean as liñas escuras son máis pequenos e outras áreas parecen outros máis grandes.
A zona ventral é branca e nela están localizados os orificios nasais e as fendas branquiais.
Tamén a boca e os receptores electro-sensoriais están de cara á area, facilitando así a detección e captura de presas, dado que as raias riscadas tenden a rastrexar os fondos areosos na procura de alimento, incluídos os equinodermos, crustáceos e bivalvos.
A súa cola é estreita e alongada, úsana como temón e nela sitúanse as pequenas aletas dorsais. Os machos teñen unha fileira de espiñas ao longo da cola a cada lado, mentres que as femias teñen dúas filas. Entre o disco e a cola atópanse as aletas pélvicas, con dous lóbulos alongados cada unha, que se estenden cara atrás. Entre elas e a cola atópanse os pterigopodios (órganos reprodutores masculinos), a simple vista é como se tiveran outro lóbulo engadido e permite diferenciar facilmente a simple vista a femia e o macho. Estes pterigopodios, ademais de ser retráctiles, pódense virar para facilitar a fecundación.
Son ovíparas, é moi frecuente atopar a envoltura dos seus ovos nalgunhas praias. Son moi característicos pola súa cor negra e pola súa forma rectangular con filamentos enroscados nos seus catro extremos. Poñen ao redor de 30 ovos ao ano, especialmente durante a primavera.
As raias riscadas son máis activas pola noite, polo que durante o día normalmente están pousadas ou enterradas na area, perfectamente ocultas e deixando ver apenas os ollos e os espiráculos. Pódense ver en puntos como Os Cenoiros, Frapelo ou Cabo de Mar, aínda que poden aparecer practicamente en calquera lugar da ría.