O espirógrafo ou plumeiro de mar é o verme tubícola máis grande que podemos atopar e o que veremos con máis frecuencia.
Mide entre 10 e 30 cm de alto, erguéndose sobre un tubo flexible e apergamiñado. Este tubo está unido ás rochas na parte inferior e ábrese na parte superior, deixando saír unha grande coroa de branquias coas que respira e se alimenta (15-20 cm de diámetro).
Esta coroa ten entre 200 e 300 tentáculos de plumas ou “radiolas” que se enrolan en varias voltas de espiral.
Verémolos case en calquera mergullo, abundan nas Illas Cíes, A Furna, Cabo de Mar, Areamilla ou As Raeiras. Tamén os restos de naufraxios ou as grandes cadeas das bateas poden servir de asentamento.
Mostra diferentes tons de amarelo con franxas máis escuras e manchas brancas, aínda que algúns individuos poden ser completamente brancos ou amarelos. Estas franxas máis escuras son receptores sensibles á luz que actúan coma ollos, dado que non só perciben a luz senón tamén de onde vén. Tamén son moi sensibles ao tacto e aos cambios na corrente de auga, en canto perciben o máis pequeno contacto ou cambio entran rapidamente no tubo, desaparecendo en décimas de segundo.
Son solitarios, aínda que poden aparecer en pequenos grupos de 3 ou 4, e viven a pouca profundidade, ata os 30m. É moi normal que outros organismos vivan pegados ao seu tubo, especialmente algas vermellas e pequenos moluscos, mesmo podemos atopar ovos de choco.