VERMES TUBÍCULAS

Falaremos sobre todo dos vermes tubícolas, xa que son os que acadan maior tamaño e beleza, e poden ser observados en case calquera mergullo. Chámanse tubícolas porque son quen de segregar substancias viscosas ao redor do seu corpo para que diferentes materiais se adhiran a eles e construír así un tubo que os envolve.

Os tubos están unidos ás rochas ou enterrados na area, polo que estes vermes son sedentarios (pasan toda a vida dentro do seu tubo) e filtradores (aliméntanse de pequenas partículas que atrapan).

Normalmente no cabo que non está unido ao chan, despregan vistosas branquias ou tentáculos/filamentos que lles permiten obter alimento e respirar.

Como curiosidade cabe mencionar que, ao vivir nun tubo, teñen dúas opcións para expulsar os residuos: ou viran todo o seu corpo para sacar o ano (en lugar da cabeza) polo burato na parte superior do tubo, ou teñen unha regaña especial, que percorre lonxitudinalmente o espazo entre o corpo e o tubo, para transportar os excrementos cara á parte aberta.

Vermes tubícolas