Xardíns de algas

Nun país multicolor

Se hai unha palabra que define o aspecto dos fondos pouco profundos na costa galega esa é algas. As algas son as raíñas dos fondos rochosos dende a zona intermareal ata, aproximadamente, os 20 metros de profundidade. Crean paisaxes de gran beleza, pero non menos importantes son as súas funcións no medio mariño: serven de alimento e refuxio de diferentes formas de vida, crean osíxeno, captan dióxido de carbono, frenan o impacto do mar sobre a zona costeira...

En Galicia contamos cunhas 600 especies de algas de diferentes formas, cores e tamaños, polo que as densas coberturas que crean, especialmente en primavera e no verán, orixinan paisaxes cheas de cores e vida que podemos desfrutar tanto a través do mergullo como da práctica do snorkel.

O verán é a mellor época para desfrutar destes lugares, xa que acadan o seu esplendor en canto a colorido e variedade. Isto débese aos ciclos e fases vitais das algas, que varían a súa aparencia en función do momento do ano, convertíndose así nun signo que reflicte o paso das estacións baixo o mar.

Estes xardíns son un dos lugares nos que algúns peixes recolectan algas para facer os seus niños. Os machos de vello cincento (Symphodus cinereus) recollen pequenos trozos de algas e cunchas para dar forma a elaborados niños (moi similares aos que realizan as aves) que instalan nos fondos de area próximos agardando que as femias vaian deixar alí os seus ovos.

A pesar de que as algas divídense en vermellas, verdes e pardas, son moitas máis as cores que poden amosar. Algunhas locen unha intensa cor azul grazas a iridiscencias, como la Chondria coerulescens da foto. Esta pequena alga faise especialmente visible no verán como se fosen pequenos brotes de céspede azul sobre as rochas.

Tamén na costa galega temos presentes algas invasoras. Estas especies alóctonas expándense con rapidez e transforman as zonas nas que a variedade de algas crea xardíns en "monocultivos" onde só atopamos á especie invasora. O sargazo xaponés (Sargassum muticum) ou a alga arpón (Asparagopsis armata) -na foto- son os exemplos máis claros destes procesos de pérdida de biodiversidade.

Moitas formas de vida de pequeno tamaño establécense sobre as algas. É o caso das lesmas de mar como a Polycera da foto ou de diferentes tipos de caramuxos.

Tamén son zonas frecuentadas por diferentes tipos de peixes, polbos, centolas... na procura de alimento. Un dos peixes que máis habitualmente atopamos paseando nestes xardíns é a maragota (Labrus bergylta).

Algunhas algas pardas adquiren unha coloración amarela debido a que a súa zona de distribución está a pouca profundidade e reciben unha gran cantidade de radiación solar. É o caso da alga espaguete (Bifurcaria bifurcata), moi habitual da zona intermareal durante a primavera e o verán.

As coberturas de algas sobre as rochas chegan a ser tan mestas, que non é estraño que cando visitamos estes lugares non se poda ver nin un centímetro da pedra, soamente a vida que a envolve.

Outra alga con iridiscencias é a alga arco da vella (Cistoseira tamariscifolia), que, a pesares de ser un alga parda, loce estes tons verdes e azuis intensos cando está somerxida.