Hai moitas razóns que fan destas plantas unha peza clave dos nosos fondos. Do mesmo xeito que as algas, son grandes produtores de osíxeno e materia orgánica e tamén actúan como filtros que absorben e almacenan CO2. Outra característica importante é que protexen as costas, xa que deteñen a erosión acumulando sedimentos finos. Pero o que os fai tan importantes é que, como sucedía cos bosques de laminarias (algas pardas) ou cos campos de maerl (algas vermellas), xeran ecosistemas de grande biodiversidade en si mesmos, con decenas de especies asociadas.
As algas, os cnidarios, os briozoos, os moluscos establécense sobre elas ... pero tamén serven de alimento para moitos herbívoros, como ourizos ou borrachas, e constitúen importantes áreas de cría. Os animais detritívoros como os carallotes tamén aproveitan os seus restos. A presenza de tanta vida é un reclamo para os depredadores como os grandes peixes, o polbo e os chocos, mesmo é un lugar onde esconderse e descansar os grandes animais con hábitos nocturnos, como as raias riscadas e os melgachos.