A outra planta mariña que podemos atopar na costa galega é a zostera pequena ou Zostera noltei, que a diferenza da zostera mariña ten menor tamaño: uns 20 cm de longo por 2 mm de ancho, e habita fondos menos profundos, na zona intermareal. As follas teñen unha coloración entre verde claro intenso e tons máis apagados e presentan tres nervaduras lonxitudinais. Rematan nunha punta de borde liso (mentres que a zostera mariña o ten redondeado). Os talos son subterráneos e pode reproducirse de maneira asexual ou sexual, con flores que se agrupan en espigas.
Están presentes durante todo o ano en substratos brandos de area, grava ou lama e, en fondos moi pouco profundos, tanto que o habitual é que queden ao descuberto durante a baixamar. É especialmente abondosa nas zona de esteiros e nas partes máis internas das rías (ten unha gran capacidade para adaptarse a diferentes temperaturas e salinidade). Pode aparecer formando pradarías mixtas coa zostera mariña.