PRADARÍAS DE ZOSTERA

A zostera é unha planta mariña que medra nos fondos de area formando mestas alfombras cheas de vida. Pero a súa importancia vai máis alá de ser un lugar de refuxo e busca de alimento para multitude de especies. Estas plantas son quen de captar dióxido de carbono, liberar osíxeno e actúan como unha barrera protectora para a costa frente os temporais e o puxar do mar, xa que amainan o seu impacto.

As plantas mariñas teñen unha interesante historia evolutiva porque, aínda que polo seu aspecto, nos recorden ás algas, están ben lonxe delas. A vida vexetal xorde no mar, primeiro aparecen as algas vermellas, seguidas das verdes e, finalmente, as algas pardas; entón comeza a vida das plantas terrestres, a medida que os musgos evolucionan a partir das algas e se desenvolven ata chegar ás plantas superiores, as fanerógamas, as que teñen froitos e flores. Nun momento dado, xa nos días dos grandes dinosauros, algunhas destas plantas superiores deciden volver vivir no mar.

Isto ten grandes vantaxes, como dispoñen de raíces verdadeiras, son capaces de instalarse en sedimentos brandos como a area, onde as algas non poden (os seus rizomas, o equivalente ás raíces das plantas, non son o suficientemente fortes e precisan superficies duras como as rochas para agarrarse). Deste xeito levaron a cabo unha gran colonización, estendéndose e formando as típicas pradarías mariñas.

Pero volver ao mar tamén ten os seus inconvenientes, alí non teñen insectos polinizadores que faciliten a dispersión das súas sementes, polo que a reprodución sexual é difícil, os seus grans de polen son longos e viscosos para seren transportados polas correntes mariñas e adherirse, mais o éxito é escaso. Isto significa que case sempre se reproducen dun xeito asexual ou vexetativo, o que ten un alto custo, xa que a súa diversificación é moi deficiente.

Quizais nos sona máis a posidonia mediterránea, pero aquí tamén temos plantas mariñas, moi similares en todos os aspectos e igual de importantes, aínda que moito máis descoñecidas e tamén desprotexidas. A planta mariña que atoparemos na ría é a Zostera mariña, que como todas as plantas superiores constan de raíces, talo e follas, así como flores e froitos.

 

Caracterízase por ter follas longas e estreitas de cor verde clara, que rematan nunha punta redondeada e teñen nervios finos lonxitudinais e paralelos. Estas follas estilizadas teñen aproximadamente 1 cm de ancho e entre 20 e 120 cm de longo.

Os seus rizomas, de cor parda, esténdense horizontalmente baixo a area e unha infinidade de raíces finas saen en todas as direccións, formando un auténtico labirinto subterráneo que lles permite fixarse firmemente no substrato.

Están presentes durante todo o ano en substratos brandos de area, grava ou lama e, aínda que non se dan a grandes profundidades, normalmente aparecen a unha profundidade suficiente como para evitar quedar ao descuberto.

Hai moitas razóns que fan destas plantas unha peza clave dos nosos fondos. Do mesmo xeito que as algas, son grandes produtores de osíxeno e materia orgánica e tamén actúan como filtros que absorben e almacenan CO2. Outra característica importante é que protexen as costas, xa que deteñen a erosión acumulando sedimentos finos. Pero o que os fai tan importantes é que, como sucedía cos bosques de laminarias (algas pardas) ou cos campos de maerl (algas vermellas), xeran ecosistemas de grande biodiversidade en si mesmos, con decenas de especies asociadas.

As algas, os cnidarios, os briozoos, os moluscos establécense sobre elas ... pero tamén serven de alimento para moitos herbívoros, como ourizos ou borrachas, e constitúen importantes áreas de cría. Os animais detritívoros como os carallotes tamén aproveitan os seus restos. A presenza de tanta vida é un reclamo para os depredadores como os grandes peixes, o polbo e os chocos, mesmo é un lugar onde esconderse e descansar os grandes animais con hábitos nocturnos, como as raias riscadas e os melgachos.

É fundamental dar a coñecer estas ricas paisaxes e promover a súa conservación, xa que a súa existencia depende da presenza destas plantas mariñas descoñecidas. Plantas moi vulnerables á contaminación, aos cambios introducidos nas zonas costeiras por construcións que alteran a paisaxe ou ao uso de técnicas de pesca agresivas e indiscriminadas como o arrastre. Se a isto engadimos a súa lenta rexeneración, apenas medran un centímetro ao ano, podemos facernos unha idea da urxencia da súa protección.

Localízanse preferentemente nas zonas medias e externas da ría. Nas proximidades da praia de Liméns, xunto ao punto de mergullo chamado A furna, podemos atopar unha pradaría de zostera que paga a pena visitar e gozar. Outra opción é facer snorkel na praia de Bouzas, que tamén conta cunha zona de zostera.

Que podemos atopar na zostera?

Agulla brava na zostera
Cabalo na zostera
Choco na zostera
Lebre de mar na zostera