Os hexacoralarios probablemente sexan os máis coñecidos e tamén os máis numerosos do grupo dos ANTOZOOS (onde tamén están os octocorais e os ceriantos). Só teñen unha fase de fixación ao chan e o seu corpo consiste nun "tronco" musculoso que se adhire ás rochas na parte inferior cun disco basal, e na parte superior ten o disco oral, con numerosos tentáculos urticantes dispostos arredor do boca. Este tronco ten moitas cámaras interiores que sempre están dispostas nun múltiplo de seis (por iso o nome de hexacoraliarios). Poden ser solitarios ou formar extensións de moitos exemplares.
Dentro dos HEXACORAIS podemos atopar:
- as anemones ou actinias, o modelo tipo que entendemos por anemones: animais de corpo brando cun tronco suxeito ao substrato e unha coroa de tentáculos na parte máis exposta. Pertencen a este grupo a anemone común, os tomates de mar, a anemone de ermitán...
- as anemones coloniais ou zoantos, poboacións de moitos pólipos de pequeno tamaño que viven unidos por unha base ou estolón común, como a anemone colonial amarela ou a marrón.
- os coralimorfos, polipos individuais de pequeno tamaño que adoitan formar grandes poboacións sobre as rochas. Teñen o extremo dos tentáculos rematado nun engrosamento en forma de bola e o exemplo presente nas nosas augas son as anemones xoia.
- os corais duros ou corais verdadeiros, como o caravel do mar ou o coral estrela dourada, que poden aparecer en solitario ou formando pequenos grupos dispersos e posúen un exoesqueleto de carbonato cálcico.