CENOIRO (Veretillum cynomorium)

O cenoiro pertence ás plumas de mar e adoita vivir por baixo dos 12 metros en zonas areosas ou lamacentas, nunca nas rochas.

Consta dun tubo laranxa carnoso, co extremo redondeado, do que saen múltiples pólipos transparentes de gran tamaño (entre 2 e 5 cm.) que ramifican na punta en oito tentáculos.

A diferenza doutras plumas do mar que teñen os seus pólipos en dúas filas laterais, o cenoiro distribúeos por toda a superficie do corpo que non está enterrada.

A parte inferior da columna (que se atopa baixo a area) non ten pólipos e funciona como un órgano para escavar.

Normalmente medran entre 30 e 70 cm e nalgunhas zonas forman comunidades de exemplares espallados na area que nos recordan un bosque.

A súa coloración laranxa, a súa forma e o feito de que estean enterrados no chan, déronlle o nome de cenoiro ou cenoria de mar.

Aínda que o atopemos asomando na area, pode esconderse por debaixo dela, xa que ao expulsar a auga do seu interior reducen o seu tamaño a apenas 5 cm.

Tamén é quen de liberarse e deixarse levar pola corrente ata atopar un lugar mellor no que enterrarse de novo e asentarse.

Hai dous puntos de mergullo na ría de Vigo que destacan por acoller unha enorme cantidade de exemplares de gran tamaño (algúns acadan o metro de lonxitude) un na costa norte que recibe o nome, precisamente, de "Os Cenoiros" e outro no PNIAG. Poden atoparse noutros puntos como as zonas de Salgueirón ou Cabo de mar.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar