Despois de colonizar con éxito o medio terrestre, algunhas plantas decidiron volver ás súas orixes e regresar ao mar.
As plantas mariñas teñen unha interesante historia evolutiva porque, aínda que polo seu aspecto, nos recorden ás algas, están ben lonxe delas. A vida vexetal xorde no mar, primeiro aparecen as algas vermellas, seguidas das verdes e, finalmente, as algas pardas; entón comeza a vida das plantas terrestres, a medida que os musgos evolucionan a partir das algas e se desenvolven ata chegar ás plantas superiores, as fanerógamas, as que teñen froitos e flores. Nun momento dado, xa nos días dos grandes dinosauros, algunhas destas plantas superiores deciden volver vivir no mar.
Isto ten grandes vantaxes, como dispoñen de raíces verdadeiras, son capaces de instalarse en sedimentos brandos como a area, onde as algas non poden (os seus rizomas, o equivalente ás raíces das plantas, non son o suficientemente fortes e precisan superficies duras como as rochas para agarrarse). Deste xeito levaron a cabo unha gran colonización, estendéndose e formando as típicas pradarías mariñas.