VERMES

Os VERMES colonizaron todos aqueles hábitats que lles aportan a cantidade mínima de auga que precisan para vivir, polo que son especialmente abundantes en ambientes acuáticos, de feito, como sucede cos vermes tubícolas, moitas especies desenvolveron formas peculiares de adaptación ao ambiente mariño. Tendemos a incluír distintos tipos de animais baixo a etiqueta de verme, mais un anélido (corpo dividido en segmentos) non é o mesmo que un platelminto (corpo aplanado) ou un poliqueto (anélido con espiñas laterais) non é o mesmo ca un sipuncúlido (anélido con trompa), todos eles presentes en Galicia. Intentaremos recoller nesta sección as especies que se observan no mar con máis frecuencia dos diferentes tipos de vermes.

O salto cualitativo dos vermes con respecto ás outras formas de vida dos invertebrados que temos visto ata agora é a adquisición dunha nova organización corporal, a simetría bilateral. En lugar de relacionarse coa contorna en todas as direccións, como fan os animais con simetría radial (esponxas, briozoos ou cnidarios), os esforzos están agora centrados en lograr un movemento máis activo e dirixido para conseguir comportamentos máis eficaces. Así, estes invertebrados alongan o seu corpo e deixan a parte de locomoción na zona ventral e, ao mesmo tempo, concentran os seus órganos dos sentidos e os centros do seu sistema nervioso na parte dianteira do corpo, xurdindo por primeira vez a cabeza (cefalización). O resultado é unha simetría bilateral que implica dividir o corpo en dúas metades iguais. Un fito evolutivo que cambiará de maneira importante a forma de relacionarse co medio natural e cos outros animais.

Se nos centramos nos ANÉLIDOS, vemos que son vermes cun corpo segmentado, alongado e xeralmente cilíndrico. Esta división do corpo en seccións ou aneis repetidos (metamería) é o grande avance evolutivo dos anélidos. Por un lado, permítelles realizar movementos independentes de cada segmento, o cal aumenta a súa complexidade estrutural e funcional, por exemplo, permítelles ser mellores escavadores. Por outra banda, cada segmento (ao ser unidades que se repiten) ten sistemas vitais, de xeito que o animal no seu conxunto segue a funcionar sen problemas aínda que "perda" algúns dos seus segmentos.

Dos tipos de anélidos que existen...

  • OLIGOQUETOS : miñocas de terra e vermes de auga doce
  • HIRUDÍNEOS : samesugas
  • POLIQUETOS : vermes mariños
  • SIPUNCÚLIDOS : vermes co corpo dividido en tronco e probóscide (trompa)

...os poliquetos ou vermes mariños son moi descoñecidos e, sen embargo, constitúen dous tercios das especies que pertencen aos anélidos.

Chámanse poliquetos por ter múltiples sedas o pelos (quetas) por todo o corpo que lles axudan a moverse e, no caso de ser atacados por un depredador, para non ser sacados da súa loga gorida, aférranse a ela con estas sedas.

Algúns viven na zona intermareal, cavando galerías ou construíndo os seus tubos na area ou sobre habitantes da franxa costeira, como os mexillóns, e outros fano a maior profundidade. Dependendo do seu estilo de vida, alimentaranse de diferentes xeitos: inxerindo partículas do sedimento, filtrando as que están suspendidas ou depredando outros pequenos animais. Á súa vez serven de alimento para moitos peixes.

Todos os vermes poliquetos teñen un "esqueleto" hidrostático. Os seus corpos están cheos de líquido, que mantén un volume constante, de xeito que as contraccións e alongamentos dos seus músculos dan lugar a movementos ondulatorios que lles permiten cavar, reptar ou nadar. Normalmente dividen o seu corpo en tres partes, a cabeza con tentáculos sensoriais, o corpo segmentado con moitas sedas o pelos laterais e unha rexión final onde está o ano.

Os seus órganos sensoriais están moi desenvolvidos, todos teñen ollos máis ou menos complexos e quimiorreceptores para detectar alimentos. Ademais, os poliquetos escavadores e os tubícolas teñen receptores especiais para percibir cambios e vibracións nas correntes, así como "detectores" da orientación do seu corpo.

Recentemente incluíronse os sipuncúlidos ou vermes cacahuete entre os anélidos. Son vermes exclusivamente mariños e bentónicos, polo que viven no fondo, a miúdo enterrados no sedimento areoso ou limoso. O seu corpo caracterízase por dispoñer dunha probóscide ou trompa retractil.

Ademais dos anélidos, tamén denominamos vermes aos PLATELMINTOS ou planarias: uns vermes planos (confundidos coas lesmas de mar, que son moluscos), polo xeral non segmentados, que engloban miles de especies, algunhas de vida libre, como as planarias mariñas, e outras parasitas, como a tenia.

Poliquetos tubícolas

POLIQUETOS TUBÍCOLAS

Poliquetos errantes

POLIQUETOS ERRANTES

Sipuncúlidos

SIPUNCÚLIDOS

Planarias

PLANARIAS